Noticias

Concursos de Fotografía e investigación etnográfica – Raigame 2021

CONCURSOS ROMARÍA RAIGAME 2021

Coa intención de manter vivo o espírito da Romaría Etnográfica Raigame que a situación pandémica da COVID-19 fixo que se suspendese no ano 2020, a Organización  (“CCP Xaquín Lorenzo Fernández” da Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Celanova), convoca os Concursos da “Romaría Etnográfica Raigame” do ano 2021 regulados polas seguintes BASES:

  1. Poderá participar calquera persoa a nivel individual ou como colectivo, independentemente da súa nacionalidade, residencia e idade.
  2. O concurso terá 3 modalidades nas que os concursantes poderán participar simultaneamente cun único traballo en cada unha delas.
  3. FOTOGRAFÍA:

Todas as fotografías presentadas deberán ser orixinais en cor ou en branco e negro e presentaranse impresas en papel fotográfico acompañadas de formato dixital (CD ou memoria portátil) cos documentos informáticos orixinais. O tamaño das fotografías será de 30×40 cm. sen montar para todas as categorías. Os participantes só poderán presentar un traballo por categoría.

3.1. Concurso MELLOR SERIE FOTOGRÁFICA: premiarase a mellor serie composta por un mínimo de 3 fotografías e un máximo de 5, que deberán ter unha unidade temática e/ou narrativa referente a algún aspecto da Romaría. A serie deberá ir acompañada dun título e un pequeno texto explicativo do traballo.

3.2. Concurso MELLOR FOTOGRAFÍA TEMÁTICA: os  traballos deberá estar intimamente relacionado co tema central da Romaría Raigame, sendo nesta edición “As Bandas de Música”. As fotografías, que poderán ser tido tomadas en calquera lugar e momento, deberán levar un título e ir acompañadas por un texto explicativo. Cada autor poderá presentar 3 fotografías, premiándose só unha.

  1. INVESTIGACIÓN ETNOGRÁFICA:

Os traballos presentados deberán versar sobre algún aspecto da etnografía galega, ser inéditos e redactados en galego. Presentaranse tres copias impresas en formato A4, cunha extensión de entre 50 e 80 páxinas que irán numeradas e nas que se incluirán notas, apéndices, gráficos, debuxos, fotografías e calquera outro material. As ilustracións deberán ir no seu correspondente lugar dentro do texto, acompañadas do seu pé e autoría. O texto deberá ir escrito en tipo Times New Roman 12, con interlineal de 1.5. As notas ao pé, na páxina correspondente, tipo Times New Roman 10, con interlineal sinxelo. Acompañarase unha copia dixital (CD ou memoria portátil) cos arquivos correspondente: en formato de word (*.doc, *docx), en formato *.PDF, e as ilustracións, cada unha nun arquivo identificado en formato *.jpg cunha resolución mínima de 300 ppp. Aos autores premiados, a Organización poderalles solicitar unha revisión dos traballos a fin de ultimar a súa publicación.

  1. Concurso de MICRO VÍDEOS: Os traballos presentados deberán versar sobre algún aspecto relacionado coa Romaría Etnográfica Raigame, ser inéditos e con narracións e diálogos en galego. A utilización de música, imaxes ou outros elementos baixo dereitos de autor, deberá estar expresamente autorizada. A súa duración será de entre 1 e 3 minutos, incluíndo cabeceira e créditos, podendo ser gravados con calquera dispositivo. O formato do vídeo deberá ser MP4 ou AVI e cunha resolución mínima FullHD (1080p).
  2. Os participantes responsabilízanse de seren os autores dos traballos presentados, de non existir dereitos de terceiros nin reclamacións por dereitos de imaxe.
  3. Premios:

7.1. FOTOGRAFÍA

7.1.1. Concurso MELLOR SERIE FOTOGRÁFICA:

Tres premios de 300 euros,  200 euros e 150 euros.

7.1.2. Concurso MELLOR FOTOGRAFÍA TEMÁTICA:

Tres premio de 200 euros, 150 euros e 100 euros.

7.2. INVESTIGACIÓN ETNOGRÁFICA:

Un premio de 300€ e publicación do traballo

7.3. MICRO-VÍDEOS:

Tres premio de 200 euros, 150 euros e 100 euros.

  1. Os xurados serán nomeados pola Organización, non podendo participar nos concursos, sendo as súas decisións inapelables, podendo deixar premios desertos así como conceder accésits especiais carentes de aportación económica e consistentes na participación na Exposición para o caso do Concurso Fotográfico, a publicación para o Concurso de Investigación Etnográfica e a proxección para o Concurso de Micro-vídeos. Tamén poderá modificar o número de premios e as súas cantidades en función da calidade e o número de traballos presentados.
  2. Os traballos deberán ser remitidos, antes do 31 de Setembro de 2021 para os participantes na modalidade de Concurso Fotográfico, e antes do 31 de Decembro de 2021 para as modalidades de Investigación Etnográfica e Micro-vídeos, ao “CCP Xaquín Lorenzo”, ou ao Concello de Celanova, en sobre pechado baixo pseudónimo, facendo constar a modalidade na que participa e acompañados doutro sobre pechado onde se incluirán os datos do participante: nome, dirección, teléfono e correo electrónico.
  3. Unha vez fallados os premios, estes daranse a coñecer aos gañadores por correo electrónico e a través dos medios de comunicación. Os premios de Fotografía serán entregados coincidindo coa inauguración da exposición. Os premios de Investigación Etnográfica e de Micro-vídeos entregaranse na edición da Romaría de 2022.
  4. As fotografías premidas, xunto cunha selección dos traballos presentados, configurarán a exposición itinerante “Estampas dunha romaría”.
  5. Os micro-vídeos premiados, así como aqueles outros que fosen seleccionados, serán emitidos Romaría de 2022 na sala de cine que cada ano se monta para a ocasión e será presentada a publicación cos traballos premiados no concurso de Investigación Etnográfica.
  6. Os traballos premiados quedarán en propiedade da Organización podendo usalos (total ou parcialmente mediante calquera medio) nomeando a autoría.
  7. Os traballos non premiados poderán ser recollidos durante os dous meses posteriores ao 31 de decembro de 2021, no “CCP Xaquín Lorenzo” da Deputación Provincial. Unha vez pasado ese tempo, os traballos pasarán ao arquivo da Organización e poderán ser utilizados nomeando a súa autoría.
  8. A participación no concurso implica a total aceptación das presentes bases.