O pobo

Ó sur-oeste da provincia de Ourense, en dirección a Portugal por Bande, xa a curta distancia de Celanova, encóntrase Vilanova dos Infantes. O seu nome procede do latín “Vilam Nouam”, denominación que se coñece dende a época da Alta Idade Media. Orixinado se cadra como termo “ante quem”, por oposición a unha “vila antiga”, que nestas terras seria máis que posíblemente o “oppidum” de Castromao. Éste é un antiquísimo asentamento castreño que se ubica cara o norte, no monte mais elevado da contorna (732 m.), no que se constata hábitat desde mediados do primeiro milenio antes de Cristo. Para Roma é “Coeliobriga”, capital da aldea dos “Coelerni” como se expresa no “pacto de hospitalidade” con Gneo Antonio Aquilo Novagustano, Prefecto da Cohorte dos Celtiberos, datado no ano 132 d.C. (Ferro e Lorenzo, 1971: 9-18). Asentados nestas terras, o emplazamento de Vilanova explicariase asi como o novo solar de cuarto, unha vez abandonado aquel nunha época imprecisa, que cadrará necesariamente co final do Imperio e a chegada dos invasores Suevos e Visigodos.

O emprazamento urbano de Vilanova dos Infantes presenta unha serie de peculiaridades derivadas da necesidade e da topografía do espazo. Ubicada nun cerro en derrame castrexo, asentase no extremo da cota de nível de 480 m., nun espazo que se prolonga cara o N-NE, cara onde se atopa unha notable pendente -setenta metros de caída en dirección ó regato N, o “regato dá serra”-, que provoca unhas condicións de inexpugnabilidade natural. Por iso a poboación asentárase por este lado na súa época máis antiga. Cara o NO, o desnivel é menos acusado, o que explica a pervivencia nesta parte, en maior medida, da muralla que protexe o incipiente burgo, sistema defensivo que se completa cá torre da casa señorial, polo S, sobre o promontorio rochoso que domina toda a vila. O seu emplazamento atópase na zona onde máis suaves son as curvas de nivel, sendo aquí máis necesaria a defensa. Así pois, tratase dun espazo urbano pechado, derivado da presenza de murallas, hoxe máis sutís que antaño. No interior da vila as rúas dispóñense en arco, estreitas e sinuosas, con pequenos tramos rectos, sempre en desnivel, estrutura que está lonxe do trazado regular romano e o dos chamados “núcleos roteiros” tan comúns no “camiño francés” a Compostela. De todo iso imponse nos visitantes, que por aquí transitan, unha sensazón sinestésica dun bucle no tempo que aínda que pretérito se fai presente de forma vívida.

José Antonio Fidalgo Santamariña-Francisco Javier Limia Gardón. Editorial Auria