Noticias

Este ano celebra Raigame en familia

Fai un xantar de Romaría e logo, aínda que sexa dun xeito virtual, compárteo nas redes (#Raigame2020)

O próximo domingo, 17 de maio, Vilanova dos Infantes debería ser, un ano máis, o epicentro da celebración na nosa terra, do Día da Cultura Galega. A tráxica mala fada que xa nos privou da súa celebración no ano 2015, volveu este ano, con máis virulencia se cabe, e obrigounos a botarlle o cancelo á Romaría cando andábamos entrelazando as derradeiras barazas da súa organización.

Sen embargo, non queremos que o día pase sen que a sociedade galega saiba que Raigame mantense viva, aínda que dun xeito ocasionalmente diferente e que Vilanova dos Infantes continuará sendo “bulla e algazara” en próximas edicións, tal como cantou no seu momento o poeta.

Por iso queremos aproveitar o poder de convocatoria que ten a Rede e conxugalo co cariño que todos mantemos con esta celebración tradicional que nos devolve ás orixes de quen somos, de onde procedemos e cara onde debemos ir, e propoñervos que a través do cancelo (hastag) #Raigame 2020 vos fagades eco da vosa presenza noutras edicións ou incluso nesta, subindo unha ou varias fotografías ou vídeos que teñades ou que poidades facer o próximo domingo celebrando o que temos dado en chamar “Raigame de dez en dez”, xa que nos permiten xuntarnos cos nosos achegados (de dez en dez) nos nosos fogares, celebrando un xantar –nunca mellor dito- con sabor a Raigame.

As propostas que vos queremos transmitir son estas, pero como mera orientación, polo que se considerades que hai outros xeitos de manter a presenza de Raigame nesta edición, deixamos todo aberto á vosa imaxinación. Velaí:

  • Colgando fotos no Facebook ou no Instagram de Raigame, acompañadas do hastag #Raigame2020 dando fe da vosa presenza e das vosas amizades noutras edicións anteriores de Raigame
  • Colgando un vídeo deixando patente o que significa para ti Raigame
  • Raigame de 10 en 10: Organizando un xantar co voso entorno –tal como permite a Fase 1 da “desescalada” pola que andamos a transitar e vestíndovos dun xeito tradicional, enviando logo fotografías ou vídeos do encontro en ámbalas dúas redes, acompañados do hastag #Raigame2020