PREMIO ADOLFO ENRÍQUEZ 2025
PREMIO “ADOLFO ENRÍQUEZ” 2025
A finais da década dos 70 do século XX, a agrupación folclórica Castro Floxo comezaba a andar, e guiado polas indicacións de Xaquín Lorenzo Fernández realizaba os seus primeiros traballos de campo recompilando bailes, músicas e cancións. Os seus compoñentes chegaron así ás aldeas da serra do Suído, nos concellos de Avión e Beariz onde descubriron, coa colaboración do párroco D. Eladio, aos veciños de Liñares, A Xirazga, Doade, Oroso, Rodeiro, A Edreira, Mangoeiro, Amiudal, Espiñeiro, Avión…, e as pandeiradas que, principalmente co regreso dos emigrantes en México, se realizaban nas festas do verán.
Despois foron outras zonas da provincia: a Baixa Limia, o Macizo Central, a comarca de Maceda, terras da Gudiña e Viana, a Limia… lugares onde foron recollendo material que anos máis tarde conformarían o corpus de dous cancioneiros editados a finais dos 90 con coplas, romances, cancións e músicas que chegaron até nós grazas á un sistema de transmisión oral como legado da nosa cultura.
Neste ano no que o día das Letras Galegas está dedicado ás Cantareiras e a literatura popular, a Organización da Romaría Etnográfica Raigame quere sumarse a este recoñecemento e considerou outorgarlle o Premio Adolfo Enríquez ás Cantareiras da nosa provincia, representadas nas mulleres das aldeas dos concellos de Avión e Beariz, como figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura, como símbolo de resistencia, apoderamento e soronidade, creadoras, conservadoras e portadoras da poesía oral que se mantivo viva ao longo do tempo, cando a
nosa lingua estaba fóra das canles oficiais e case por completo da letra impresa.
Hoxe, nun momento no que o uso da lingua galega presenta as cifras máis baixas entre a xente máis nova, esta mostra un interese especial por grupos como Tanxugueiras ou Fillas de Cassandra, continuadores de Fuxan os Ventos ou Lelía, e polas diversas manifestacións que levan asociadas como foliadas e cantos de taberna. Contradicións complicadas de explicar e máis difíciles de entender.
Así pois, a homenaxe da Romaría Etnográfica Raigame o a todas aquelas cantareiras do Suído, especialmente onde comezou todo, Liñares, como transmisoras dun legado que é un símbolo da cultura popular do noso pobo, as coplas e cantigas que interpretaban e seguimos a interpretar.
Para recibilo convidamos ás veciñas cantareiras e pandereteiras das aldeas dos concellos de Avión e Beariz, e tamén ao que fóra cura párroco de Liñares, D. Eladio Rodríguez, que tanto animou a manter e divulgar as pandeiradas destas aldeas e colaborou coa agrupación Castro Floxo nos traballos de campo.
O acto, segundo recolle a programación da Romaría Etnográfica Raigame terá lugar en torno ás 13,30 horas, na Praza Maior de Vilanova dos Infantes e constará da entrega dunha reprodución da torre do castelo de Vilanova realizada polo pintor e escultor mallorquín afincado en Ourense, Leandro Sánchez, así como unha copia asinada desta acta para deixar constancia documental do acordo.
En Vilanova dos Infantes, a 17 de maio de 2025