Bases participación,  Criterios selección,  Noticias

NORMAS DE INSCRICIÓN E CRITERIOS DE SELECCIÓN RAIGAME 2025

  1. NORMAS DE INSCRICIÓN E CRITERIOS DE SELECCIÓN
  • A Romaría Etnográfica Raigame, que pretende promocionar a cultura tradicional galega centrando os seus esforzos na divulgación da música, o folclore e os oficios e artesanías tradicionais primando o seu aspecto pedagóxico e cultural, ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN para a edición de 2025 co seguinte calendario:
    1. Do 19 de febreiro ó 5 de marzo, ambos incluídos, recepción de inscricións no rexistro do Concello de Celanova.
    2. Do 17 ó 24 de marzo, comunicación aos interesados da aceptación ou non da súa solicitude por parte da Organización, así como do lugar onde serán instalados en Vilanova.
    3. Do 25 ó 3 de marzo, confirmación por parte dos interesados do seu interese por asistir á Romaría Etnográfica Raigame.
  • Pechado o prazo de inscrición, a Organización realizará unha distribución dos espazos e unha asignación de local ou espazo para cada solicitante tendo en conta o tipo de oficio, artesanía ou actividade, a súa relación coa cultura tradicional galega e o interese que teña para a programación e obxectivos da Romaría Etnográfica Raigame. Este espazo será acondicionado dun xeito acorde cos obxectivos da Romaría en función das seguintes pautas:
    1. Interior do burgo medieval:
      1. Oficios tradicionais cuxos responsables realizan durante o día traballos demostrativos da súa actividade e teñen unha participación activa de cara ó visitante ó longo de toda a xornada
      2. Establecementos dedicados ó servizo de expedición de produtos gastronómicos e bebidas tradicionais, que estarán situados en locais cedidos ó Concello polos veciños e asignados pola organización
    2. Exterior do burgo medieval:
      1. Artesáns de bixutería, coiro, vidro, madeira, tecidos, etc., dedicados á exposición e venda dos seus produtos. Haberá 24 postos de madeira de 3,00 m x 1,50 m facilitados pola organización e instalados na estrada de acceso a Vilanova para dar servizo unificado a esta demanda
      2. Establecementos dedicados ó servizo de expedición e venda de produtos vexetais, gastronómicos e bebidas con posto propio que serán instalados na estrada de Vilanova a Santa María.
  • Entre todas as solicitudes presentadas, a Organización realizará unha selección dos oficios/artesáns participantes tendo en conta as anteriores pautas de distribución e os seguintes criterios de valoración:
    1. Interior do burgo medieval:
      1. Oficios tradicionais que desenvolvan a actividade ó longo da xornada (ata un máximo de 15 puntos):
        1. Orde de entrada no Rexistro do Concello de Celanova
          1. 1 a 4 puntos (por orde inversa da semana de inscrición)
        2. Execución práctica do traballo e demostración efectiva do oficio ó longo da xornada, organización de obradoiros prácticos, etc.:
          1. 1 a 3 puntos
        3. Singularidade do oficio ou artesanía respecto dos oficios ou artesanías presentes noutras edicións:
          1. 1 a 3 puntos
        4. Relación cos oficios tradicionais galegos e interese obxectivo da actividade para a mellora estética da Romaría Etnográfica Raigame:
          1. 1 a 5 puntos
        5. Establecementos de produtos gastronómicos ou bebidas tradicionais (ata un máximo de 15 puntos):
          1. Preferencia segundo o lugar de empadroamento
            1. Vilanova dos Infantes …………….. 5 puntos
            2. Concello de Celanova …………….. 3 puntos
            3. Comarca de Celanova …………….. 2 puntos
            4. Outros ………………………………….. 1 punto
          2. Orde de entrada no Rexistro do Concello de Celanova:
            1. 1 a 4 puntos (por orde inversa da semana de inscrición)
          3. Adecuación dos produtos postos á venda ó ambiente propio dunha romaría tradicional:
            1. 1 a 3 puntos
          4. Ambientación do negocio e das persoas que se encargarán da súa atención no transcurso da Romaría:
            1. 1 a 3 puntos
          5. Exterior do burgo medieval:
            1. Artesáns de coiro, vidro, madeira, tecidos e semellantes que serán instalados nalgún dos 24 postos de madeira instalados na estrada de acceso (ata un máximo de 10 puntos):
              1. Orde de entrada no Rexistro do Concello de Celanova:
                1. 1 a 3 puntos (por orde inversa da semana de inscrición)
              2. Singularidade do oficio ou artesanía respecto dos oficios ou artesanías presentes noutras edicións:
                1. 1 a 3 puntos
              3. Relación cos oficios tradicionais galegos e interese obxectivo da actividade para a mellora estética da Romaría Etnográfica Raigame:
                1. 1 a 3 puntos
              4. Establecementos dedicados á expedición e venda de produtos gastronómicos e bebidas con posto propio (ata un máximo de 10 puntos):
                1. Orde de entrada no Rexistro do Concello de Celanova:
                  1. 1 a 3 puntos (por orde inversa da semana de inscrición)
                2. Adecuación dos produtos postos á venda ó ambiente propio dunha romaría tradicional:
                  1. 1 a 3 puntos
                3. Ambientación do negocio e das persoas que se encargarán da súa atención no transcurso da Romaría:
                  1. 1 a 3 puntos
  • As solicitudes de pre-inscrición deberán presentarse a través da sede electrónica do Concello de Celanova (https://celanova.sedelectronica.es/info.4) ou presencialmente no Rexistro Xeral das oficinas do Concello cubrindo o modelo formalizado INSCRICIÓN ROMARÍA ETNOGRÁICA RAIGAME 2025, dispoñible na web raigame.gal.
  • Non serán consideradas válidas as solicitudes realizadas por outros medios (carta, correo electrónico) nin a utilización doutros modelos (instancia xeral). A solicitude de pre-inscripción inclúe o modelo de Declaración Responsable que se aportará cuberto.

A falsidade ou omisión de información marcada como obrigatoria na solicitude poderá derivar na non admisión como participante na Romaría Etnográfica Raigame. A confirmación de participación na Romaría implica a aceptación dos principios organizativos da mesma e que se manifestan nestas normas.

A Organización resérvase a potestade de convidar a aqueles artesáns ou actividades que considere oportuno por ter especial relevancia para a programación ou desenvolvemento da Romaría Etnográfica Raigame.

 

  1. COMPROMISO DE PARTICIPACIÓN DOS SOLICITANTES

Unha vez rematado o procedemento de selección, aquelas solicitudes seleccionadas deberán asinar un compromiso de participación regulamentado polas seguintes bases:

  1. A preinscrición non outorga a autorización directa para a participación na Romaría en canto a organización non comunique tal decisión indicando o lugar de instalación asignado ó solicitante.
  2. Aquelas solicitudes non elixidas inicialmente quedarán inscritas nun listado de reserva.
  3. As solicitudes seleccionadas contarán cun local ou espazo exterior, segundo o a actividade que desenvolven que será designado pola Organización en función dos intereses da realización da Romaría Etnográfica Raigame.
  4. No caso dos oficios instalados dentro do burgo medieval, os responsables comprométense a montar un pequeno posto de traballo e realizar demostracións prácticas da súa actividade ao longo da xornada.
  5. O artesán, persoal de oficios ou responsable do posto de produtos vexetais, gastronómicos ou bebidas tradicionais participante, comprométese a instalar o seu espazo nunhas condicións de máximo atractivo coa actividade á que se dedique, co fin de incrementar o atractivo xeral da Romaría.
  6. O artesán comprométese a ataviarse, tanto el coma os que colaboren con el na actividade, con vestimentas propias do oficio ou semellantes, correspondente ó tempo en que se celebraban este tipo de Romarías tradicionais (primeiro terzo do S. XX).
  7. Os postos estarán abertos a partir das 11,00 ata as 19:00 horas, quedando a decisión do participante a potestade de mantelo aberto durante o horario do xantar, establecido entre as 14,00 h e as 16,00 h. Os establecementos dedicados ó servizo de expedición de produtos gastronómicos e bebidas tradicionais poderán permanecer abertos ata as 21,00 horas improrrogables.
  8. Co fin de facilitar a instalación dos postos no interior do burgo medieval e o traslado dos produtos ata estes postos, dende primeira hora da mañá e ata as 9,30 os vehículos poderán acceder ó interior do burgo, non podendo permanecer ningún vehículo no interior ata as 19,00 horas, que será cando se volva abrir o tráfico para proceder a desmontar os postos.
  9. O artesán responsabilizarase dos danos que puidera causar no baixo ou espazo exterior cedido pola organización cando estes sexan causados con dolo, culpa ou neglixencia imputable ó artesán/participante.
  10. Os responsables dos postos gastronómicos e de bebidas tradicionais comprométense a manter, o espazo próximo ao seu posto, limpo do lixo xerado polos seus clientes (botellas, vasos, papeis, etc.).
  11. A organización farase responsable de todos aqueles danos que non estean contemplados nas cláusulas anteriores a través dun Seguro de Responsabilidade Civil e Danos subscrito ó efecto.
  12. No caso de incumprimento dalgunha das cláusulas anteriores por parte dos artesáns/participantes, a organización poderá excluílos de participación nas edicións futuras.
  13. A organización remitirá a cada participante unha copia das bases e da aceptación da súa inscrición previa para que a teña nun lugar visible durante a celebración da Romaría.
  14. Os asistentes acceden a dar o seu permiso para poder ser recollido en imaxes, tanto fotográficas como de vídeo ou TV, durante a celebración da Romaría.
  15. De acordo ao establecido na Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, toma coñecemento de que os datos de carácter persoal facilitados serán incorporados a un ficheiro denominado “Raigame” que se atopa inscrito na Axencia Española de Protección de Datos e que é titularidade do Concello de Celanova.
  16. A sinatura do compromiso de participación na Romaría implica a ACEPTACIÓN DESTAS BASES.

 

Celanova, febreiro de 2025

 

DESCARGA AS BASES DE INSCRICIÓN E MODELO DE SOLICITUDE NOS SEGUINTES ENLACES:

Normas de inscricion e criterios de selección Raigame 2025.

MODELO SOLICITUDE DE PREINSCRICIÓN NA ROMARÍA ETNOGRÁFICA RAIGAME