Raigame 2024
Dende hoxe xa poden ser consultadas na web www.raigame.gal, así como na redes sociais ligadas á propia romaría e ó Concello de Celanova, as solicitudes que lograron un espazo para poderen instalar a súa actividade durante toda a xornada.
MAÍS DUN CENTO DE TRABALLADORES EN OFICIOS TRADICIONAIS, ARTESANÍA E GASTRONOMÍA VOLVERÁN ENCHER VILANOVA DOS INFANTES DE VIDA O PRÓXIMO 17 DE MAIO NA XXI EDICIÓN DA ROMARÍA ETNOGRÁFICA RAIGAME.
Celanova 3/04/2024
En total serán 120 os postos de oficios tradicionais, artesanía en xeral e gastronomía, que estarán distribuídos entre o interior e o exterior do núcleo de Vilanova dos Infantes nesta VIXÉSIMO PRIMEIRIA edición da romaría etnográfica Raigame.
Este ano a romaría fixará a súa mirada no oficio dos tradicionais “dulceiros”, co fin de poñer o foco na actividade artesanal da docería, tan rica –nunca mellor dito-, non só nas terras de Celanova, senón tamén ó longo e largo das distintas comarcas da provincia de Ourense.
A esta intensa representación expositiva sumaráselle, coma en anteriores edicións, tódalas actividades de música, danza, representacións escénicas, etc., coa presenza, unha vez máis, dos danzantes de Vilanova e da Banda de Música de Vilanova á cabeza, que volverán a converter a Vilanova dos Infantes na capital do Día da Cultura Galega.
Dende hoxe xa poden ser consultadas na web www.raigame.gal, así como na redes sociais ligadas á propia romaría e ó Concello de Celanova, as solicitudes que lograron un espazo para poderen instalar a súa actividade durante toda a xornada.
Como queda dito, nesta ocasión dende a organización fomos quen de incluír en total 120 propostas de oficios, artesanía, gastronomía etc.
Tanto dende o Concello de Celanova, coma dende o Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo lamentamos moi profundamente non poder darlle unha resposta afirmativa a tódalas solicitudes presentadas -en total preto de 150-, pero a configuración da trama urbana de Vilanova dos Infantes é a que é (unha das razóns polas que a romaría resulta tan atractiva, pero non permite a instalación de máis espazos, tanto dentro coma fóra do burgo.
Aproveitamos para lembrar tamén que, un ano máis, haberá un servizo continuo de dous autobuses históricos que entre ás 11,00 e as 19,00 horas comunicarán Vilanova dos Infantes con Celanova, co fin de que aquelas persoas que desexen asistir á romaría ou achegarse a Celanova, poidan facelo sen utilizar vehículo propio.
Como é ben sabido, a romaría Raigame está organizada e financiada polo Concello de Celanova e o Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo, organismo dependente da Deputación provincial de Ourense, e conta cunha colaboración económica da Axencia de Turismo de Galicia e de Abanca, así como coa inestimable colaboración da parroquia de San Salvador de Vilanova e outras entidades coma o Museo Etnolóxico de Ribadavia ou a coral De Ruada e, dun xeito especial coa implicación veciñal, sen a cal sería imposible que Raigame teña chegado a ser a fermosa realidade que é hoxe.