Noticias

A ROMARÍA RAIGAME 2024 ESTARÁ DEDICADA Ó OFICIO DOS DULCEIROS

  • DENTRO DA MIRADA ESPECIAL QUE A ROMARÍA POUSA CADA ANO SOBRE UN OFICIO TRADICIONAL, NESTA EDICIÓN A ORGANIZACIÓN DESEXA POUSAR A MIRADA SOBRE O OFICIO DOS “DULCEIROS”
  • POR SEGUNDO ANO CONVÓCASE O CONCURSO DE ENGALANADO DE FACHADAS, CORREDORES E GALERÍAS DURANTE A XORNADA, CO FIN DE QUE OS VECIÑOS PARTICIPEN ACTIVAMENTE NA MELLORA ESTÉTICA DA ROMARÍA
  • XA ESTÁ ABERTO O PRAZO PARA SOLICITAR LOCAIS OU ESPAZOS DE INSTALACIÓN DE OFICIOS, ARTESÁNS E OUTRAS ACTIVIDADES

Celanova 19/2/2024

Dende mañá martes, día 20, aquelas persoas que desexen participar coa demostración de antigos oficios, traballos artesáns ou outro tipo de actividades de venta de produtos tradicionais ou gastronómicos na Romaría Etnográfica Raigame, poderán descargar o formulario de solicitude e as normas que regulan a participación na romaría, da web www.raigame.gal así como dos enlaces que serán compartidos na web do Concello de Celanova, así como nas redes sociais da romaría e do propio Concello, debendo tramitar a súa solicitude exclusivamente na sede electrónica do Concello (https://celanova.sedelectronica.es/info.0), entrando no espazo no que pon “Instancia Xeral”.

O prazo de inscrición estará aberto ata o día 17 de marzo, a partir de cando a organización de Raigame procederá á selección de participantes tendo en conta o postulado nas devanditas normas de inscrición e criterios de selección.

Tendo en conta a tradición que se conserva moi viva en moitas localidades da provincia, nesta edición, a Romaría Raigame centrará a súa actividade e o protagonismo da xornada no antigo oficio dos “dulceiros”, para o cal convidará a participar a unha representación de artesáns que traballen a docería por tódalas comarcas co fin de ofrecer unha visión de conxunto da riqueza gastronómica existente en Ourense no sector dos doces.

Por outra banda, tamén é de destacar que é obxectivo de Raigame o de consolidar a participación da veciñanza de Vilanova no engalanado de fachadas, corredores e galerías, co obxectivo de que os veciños se impliquen activamente na mellora estética do núcleo vilanovés durante toda a xornada, para convocarase de novo o concurso de engalanado.

Tamén se simplificarán os concursos de vídeo e de fotografía, ampliando os mesmos a tódalas persoas que desexen participar a través das redes sociais da romaría.