Noticias

LISTADO DE PARTICIPANTES NA XX EDICIÓN DA ROMARÍA ETNOGRÁFICA RAIGAME 2023

En total serán 107 os postos de oficios tradicionais, artesanía en xeral e gastronomía, que estarán distribuídos entre o interior e o exterior do núcleo de Vilanova dos Infantes nesta vixésima edición da romaría etnográfica Raigame, que ademais terá unha mirada especial ó oficio dos canteiros, oficio sen o cal, evidentemente, non existiría nin a Vilanova que coñecemos, nin o mosteiro de San Rosendo, nin tampouco á singular capela mozárabe de San Miguel, que este ano conmemora o centenario da súa declaración como Monumento Histórico Nacional, agora denominada Ben de Interese Cultural, declaración, esta, que foi aprobada o 12 de abril de 1923.

A esta intensa representación expositiva sumaráselle, coma en anteriores edicións, tódalas actividades de música, danza, representacións escénicas, etc., coa presenza dos danzantes de Vilanova e da Banda de Música de Vilanova á cabeza, que volverán a converter a Vilanova dos Infantes na capital do Día da Cultura Galega.

Aínda que a partir de hoxe se lles fará chegar unha comunicación directa a tódalas persoas responsables de cada unha das actividades sinaladas, calquera pode consultar o listado na web www.raigame.gal, na de www.celanova.gal, así como na redes sociais do Concello de Celanova.

É de sinalar que as actividades que foron excluídas responden única e exclusivamente ó feito de que non hai máis espazos destinados para a súa instalación, polo cal dende a organización pídeselles desculpas por non poder atender as súas demandas, agardando que en próximas edicións si que poidan entraren nos prazos anunciados e asistiren coa súa actividade a Vilanova dos Infantes.

Lémbrase tamén que, un ano máis, haberá un servizo continuo de dous autobuses históricos que entre ás 11,00 e as 19,00 horas comunicarán Vilanova dos Infantes con Celanova, co fin de que aquelas persoas que desexen asistir á romaría ou achegarse a Celanova, poidan facelo sen utilizar vehículo propio.

Como é ben sabido, a romaría Raigame está organizada e financiada polo Concello de Celanova e o Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo, organismo dependente da Deputación provincial de Ourense e conta cunha colaboración económica da Axencia de Turismo de Galicia, así como coa inestimable colaboración da parroquia de San Salvador de Vilanova e outras entidades coma o Museo Etnográfico de Ribadavia ou a coral De Ruada e, dun xeito especial coa implicación veciñal, sen a cal sería imposible que Raigame teña chegado a ser a fermosa realidade que é hoxe.