CONCURSOS DA ROMARÍA ETNOGRÁFICA RAIGAME 2023
O Centro da Cultura Popular “Xaquín Lorenzo Fernández” (Deputación Provincial de Ourense) e o Concello de Celanova convocan os Concursos da “Romaría Etnográfica Raigame” correspondentes ó ano 2023, que serán regulados polas seguintes BASES:
1. O concurso terá 3 modalidades:
A. FOTOGRAFÍA:
Todas as fotografías presentadas deberán ser orixinais en cor ou en branco e negro e presentaranse impresas en papel fotográfico acompañadas de formato dixital (CD ou memoria portátil) cos documentos informáticos orixinais. O tamaño das fotografías será de 30×40 cm. sen montar para todas as categorías. Os participantes só poderán presentar un traballo por categoría.
A.1. MELLOR SERIE FOTOGRÁFICA: Premiarase a mellor serie composta por un mínimo de 3 fotografías e un máximo de 5, que deberán ter unha unidade temática e/ou narrativa referente a algún aspecto da Romaría do ano 2022. A serie deberá ir acompañada dun título e un pequeno texto explicativo do traballo.
A.2. MELLOR FOTOGRAFÍA: As fotografías serán tomadas durante a celebración da presente edición da Romaría, deberán levar un título e ir acompañadas por un texto explicativo. Cada autor poderá presentar 3 fotografías, premiándose só unha.
B. MICRO VÍDEOS:
Os traballos presentados deberán versar sobre algún aspecto relacionado coa Romaría Etnográfica Raigame, ser inéditos e con narracións e diálogos en galego. A utilización de música, imaxes ou outros elementos baixo dereitos de autor, deberá estar expresamente autorizada. A súa duración será de entre 1 e 3 minutos, incluíndo cabeceira e créditos, podendo ser gravados con calquera dispositivo. O formato do vídeo deberá ser MP4 ou AVI e cunha resolución mínima FullHD (1080p).
Quedan excluídas as montaxes visuais compostas por imaxes fixas, sen animación.
C. DECORACIÓN EXTERIOR DE VIVENDAS:
O concurso ten como obxectivo incrementar o valor estético do conxunto urbano de Vilanova no día de celebración da Romaría, contribuíndo á mellora naornamentación do burgo e recuperando, con elo, a vella tradición de decorar as fachadas durante as festas e romarías de cada pobo. Os propietarios das vivendas que reúnan as condicións necesarias para promover a decoración das súas fachadas, procederán a colocación daqueles obxectos domésticos tradicionais, tipo colchas ou cobertores, flores, etc., que axuden a
incrementar o valor estético da vivenda e teranos instalados durante toda a xornada.
Un xurado, constituído por representantes do Centro da Cultura Popular Xoaquín Lorenzo, dos colectivos sociais de Vilanova e da Corporación municipal de Celanova, realizará un percorrido pola vila durante a xornada, procedendo á valoración das fachadas, considerando aspectos coma o coidado global da fachada, a utilización de cobertores tradicionais, plantas autóctonas e outros
elementos tradicionais que consigan unha harmonía no conxunto da edificación.
2. PREMIOS:
2.1. FOTOGRAFÍA
MELLOR SERIE FOTOGRÁFICA:
1o 300 €
2o 200 €
3o 150 €
MELLOR FOTOGRAFÍA:
1o 200 €
2o 150 €
3o 100 €
2.2. MICRO-VÍDEOS:
1o 150 €
2o 125 €
3o 100 €
2.3. DECORACIÓN EXTERIOR DE VIVENDAS:
1o 300 €
2o 200 €
3o 100 €
3. Os xurados serán nomeados pola Organización, non podendo participar nos concursos, sendo as súas decisións inapelables, podendo deixar premios desertos así como conceder accésits especiais carentes de aportación económica e consistentes na participación na Exposición para o caso do Concurso Fotográfico e a proxección para o Concurso de Micro-vídeos. Tamén poderá modificar o número de premios e as súas cantidades en función da calidade e o número de traballos presentados.
4. No caso da modalidade de fotografía, os traballos deberán ser remitidos antes do 31 de Setembro de 2023 ó “CCP Xaquín Lorenzo” ou ó Concello de Celanova, en sobre pechado baixo pseudónimo, facendo constar a modalidade na que participa e acompañados
doutro sobre pechado onde se incluirán os datos do participante: nome, dirección, teléfono e correo electrónico. No caso dos vídeos, estes deberán ser colgados do Facebook ou do Instagram da Romaría Raigame, de onde o xurado procederá ó seu visualizado para a valoración correspondente. E no caso da decoración de vivendas, o xurado procederán á valoración dos posibles concursantes durante a propia xornada da Romaría.
5. Unha vez fallados os premios, estes daranse a coñecer aos gañadores por correo electrónico e a través dos medios de comunicación. Os premios serán entregados coincidindo coa inauguración da exposición.
6. As fotografías premiadas, xunto cunha selección dos traballos presentados, configurarán a exposición itinerante “Estampas dunha romaría”.
7. Os micro-vídeos premiados, así como aqueles outros que fosen seleccionados, serán emitidos na Romaría de 2024 na sala de cine que cada ano se monta para a ocasión.
8. Os traballos premiados quedarán en propiedade da Organización podendo usalos (total ou parcialmente mediante calquera medio) nomeando a autoría.
9. Os traballos non premiados poderán ser recollidos durante os dous meses posteriores ao 31 de decembro de 2023, no “CCP Xaquín Lorenzo” da Deputación Provincial. Unha vez pasado ese tempo, os traballos pasarán ao arquivo da Organización e poderán ser
utilizados nomeando a súa autoría.
10. A participación no concurso implica a total aceptación das presentes bases.
ADDENDA:
Por omisión involuntaria no momento da redacción das bases, incorporamos esta addenda que fai referencia ó envío dos traballos de fotografía:
-
Os traballos para o concurso de fotografía deberán ser remitidos ó “Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo Fernández” (Centro Comercial “As Lagoas” – Pza. Daniel González, 4 – 32.080 Ourense), ou ó Concello de Celanova, baixo pseudónimo, facendo constar a modalidade na que participa. En sobre pechado serán incluídos os datos do participante: nome, dirección, teléfono e correo electrónico.
-
A data límite de presentación dos traballos será o día 31 de xullo de 2023.