Noticias

A Romaría Etnográfica Raigame volve con máis ilusión aínda ca hai tres anos

Esta XX edición estará dedicada ós servizos sanitarios tradicionais, centrando o foco nos vellos médicos rurais

Despois de dous anos de obrigado silencio, nada máis que con sinxelas propostas de participación a través das redes sociais, este ano queremos volver darlle á romaría Raigame o valor que a mesma ten no ámbito da celebración singular do Día da Cultura Galega e no marco xeral da conmemoración do Día das Letras Galegas.

Dada a incidencia que durante estes últimos dous anos exerceu a pandemia en tódolos aspectos sociais, culturais, económicos e fundamentalmente sanitarios do noso día a día e a importancia que con ilo recobrou a atención sanitaria nas nosas vidas, tendo en conta que cada ano vimos poñendo o foco nun determinado oficio tradicional, o evento estará centrado nesta ocasión no que poderiamos denominar a vella “medicina rural” (aquela na que a atención sanitaria era fundamentalmente ambulante ou a domicilio) que se perde na noite dos tempos e que se mantivo así ata practicamente a chegada da democracia.

O papel dos médicos rurais, que todos temos asociados no imaxinario colectivo á figura duns humanistas que cruzaban os camiños e congostras a cabalo para consultaren ós seus pacientes a domicilio, unido ó das admiradas “matronas” que tanta vida axudaron a traer ó mundo en condicións sanitarias moi precarias xunto co resto de persoal sanitario que ó longo do tempo se foi incorporando á sanidade, serán os que centren as homenaxes desta edición, así como a exposición que tamén se adoita organizar anualmente con tal motivo.

O Concello de Celanova e o Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo, dependente da Deputación Provincial de Ourense, na súa condición de coorganizadores da Romaría dende os seus inicios no ano 2002, animan a tódalas persoas que son amantes desta tradicional celebración do Día das Letras Galegas a que se animen e acudan o próximo 17 de maio a Vilanova dos Infantes, a poder ser ataviados con vestimentas propias da época das xentes de Galicia de principios do século XX co fin de darlle maior atractivo estético ó conxunto de actividades que estamos programando para facer de tal día unha nova xornada inesquecible.